Traballadores do Banco Santander protestan contra 370 despedimentos en Galicia
Traballadores do Banco Santander concentráronse esta mañá en Vigo contra o expediente de regulación de emprego que ten previsto aplicar o Banco Santander en toda España e que tamén afectará Galicia.
"O Banco Santander estase a converter nunha máquina de destrución de emprego no sector", denuncia a responsable sindical, Rosa Conde.
Calcúlase que haberá, a nivel estatal, unha destrución de 4.000 empregos, aos que se sumarán outros 1.200 que a entidade ten previsto externalizar.
En Galicia, segundo a responsable sindical no banco, Rosa Conde, "serían 370 empregos afectados e arredor do 33 por cento das oficinas pecharían". Uns peches que, engade, "se distribuirían de forma desigual nas catro provincias en función da implantación da empresa".
Conde denuncia que esa implantación "xa está bastante minguada" porque cando o Santander absorbeu o Banco Pastor e o Popular, en 2017, "entre as tres entidades había 415 oficinas e a día de hoxe hai 215". En número de empregados a situación pasou, segundo a sindicalista, de 2.400 traballadores a 1.700.
"Este é o terceiro ere en tres anos e as alternativas que nos dá o banco son a externalización de servizos bancarios a empresas do grupo que, pola experiencia que temos en procesos recentes, iso acaba en novos eres".
Engade que "se debe manter o emprego, hai traballo para todas estas persoas, e en todo caso a nosa proposta pasa por unha reestruturación tanto do sector como deste banco dun xeito acaído e pausado no tempo e acompañando as necesidades dos clientes, que seguen demandando un servizo presencial, e o que están facendo e acabar con el".
Conde denuncia que a dixitalización da empresa foi aproveitada para forzar esa desaparición da atención presencial, "e aproveitaron a pandemia para afondar nesa desaparición".
Desde a representación dos traballadores negan que o que propón a empresa sexa un plan de prexubilacións: "En moitos casos, os empregados son forzados a abandonar, son despedimentos puros e duros; de feito, nas indeminzacións que perciben detráenselles do importe total os dous anos que van cobrar dos ere, así que son claramente despedimentos".
Por outra parte denuncia que, para os traballadores que non sexan despedidos, a empresa prevé unha mobilidade xeográfica que pode chegar ata 150 quilómetros, "co que iso supón para a vida da xente".