CRTVG

Buscar

Os traballadores de Siemens Gamesa, nas Somozas, deciden continuar coa folga

Publicado o 17/12/2020 18:25
Os traballadores de Siemens Gamesa, nas Somozas, deciden continuar coa folga

 Os traballadores da multinacional Siemens Gamesa, nas Somozas, decidiron nunha asemblea celebrada no mediodía deste xoves continuar coa folga que iniciaron o pasado luns e que cumpriu o seu cuarto día consecutivo. Así o asegurou o presidente do comité de empresa, Sergio López (UXT).

Ademais, votaron tamén a favor de desenvolver un piquete ao longo de toda a fin de semana ante a planta e o centro loxístico situado nas súas inmediacións para evitar o movemento de pas de aeroxerador que eles mesmos fabrican. Durante este xoves os traballadores volvéronse concentrar nestes mesmos lugares e non cortaron o acceso ao polígono industrial, tal e como realizaran nas dúas primeiras xornadas de paro, cando instalaran barricadas e colocaran sobre o asfalto outros obxectos que impediron o paso de camións e vehículos. Segundo o calendario laboral para este ano 2020, os traballadores deberían de empezar as vacacións de Nadal desde o 23 de decembro.

Os traballadores da planta situada en Ferrolterra están moi pendentes do que pode decidir o consello de administración de Siemens Gamesa xa que, segundo a información que manexan, este órgano ten previsto reunirse ao longo da xornada deste xoves, descoñecendo a hora e o lugar. 

Mentres, os traballadores da planta das Somozas, uns 240 a día de hoxe, tras despedir hai unhas semanas a 59, non descartan endurecer as accións de protestas e levalas mesmo fóra da localidade. 

Por outra banda, compañeiros doutras plantas de Siemens Gamesa repartidas por diversas localidades do país concentráronse ás portas dos seus centros de traballo, portando pancartas de apoio e reclamando á dirección que se non execute un hipotético peche, como foi o caso de Munguía (Biscaia), Conca, ou San Fernando de Henares (Madrid).