CRTVG

Buscar

Centos de persoas reclaman en Lugo unha solución para o sector industrial da Mariña

Publicado o 10/10/2021 21:32

Convocadas polo persoal de Alcoa, centos de persoas manifestáronse esta mañá en Lugo. Pediron unha solución para o sector industrial na Mariña, gravemente ameazado logo de que se parase o proceso de venda da fábrica de aluminio primario de San Cibrao.

Apoiando este sector, estiveron tamén os traballadores de Vestas, a fábrica de turbinas eólicas de Viveiro, que tamén está sometida a un ERE extintivo. Os traballadores explícannos o que suporía o peche de Alcoa en San Cibrao. Non serían só os 524 empregados da fábrica os que irían á rúa.

Ademais, hai outros seiscentos postos directos que dependen desta planta de aluminio primario, e logo están os máis de dous mil traballos indirectos que se extinguirían se as cubas da fábrica parasen. Sería unha catástrofe para esta zona, non só económica, senón tamén social e familiar, xa que centos de persoas terían que emigrar.

A este desastre económico, que compete a toda a provincia de Lugo, xa que achega o 30 por cento do produto interior bruto, hai que sumarlle agora, a maiores, os 115 postos de traballo que se perden se Vestas, a fábrica de pezas de aeroxeradores de Chavín, leva a cabo o ERE que iniciou en setembro. A solución que requiren ambos os conflitos é diferente.

Os traballadores de Alcoa esixen que se cumpra a intervención que lles prometeron, paso previo a unha venda posterior a un comprador solvente.

Os traballadores de Vestas, que apoiaron esta mañá aos de Alcoa, están pendentes de que a empresa dinamarquesa e as administracións atopen unha solución alternativa ao ERE que afectaría a 115 traballadores a final de ano. Detrás deste ERE cren que está a intención de deslocalizar para abaratar.

De non haber solución para estas dúas empresas, a emigración sería, segundo os sindicatos, a única alternativa para todas estas persoas, xa que se A Mariña só quedase como destino turístico, sen un tecido industrial, non hai restaurantes abondos para dar traballo a tanto desempregado como xeraría o peche destas dúas fábricas.

Esta mañá reprochábanlle tanto a Alcoa como a Vestas que se beneficiaran dos recursos da zona, das axudas e tamén do capital humano e agora queiran marchar sen máis, algo que non están dispostos a que ocorra.

Noticias web

10/10/2021