CRTVG

Buscar

O persoal das residencias non vacinado será sometido a dúas PCR semanais

Publicado o 11/08/2021 13:47

O Ministerio de Sanidade e as comunidades aconsellan ás residencias que sometan aos traballadores que rexeiten vacinarse ou non completasen a pauta a controis de temperatura e polo menos dúas probas diagnósticas semanais, e mesmo valoren o seu traslado ou non incorporen aos que non estean inmunizados.

O documento "Adaptación das medidas en residencias de maiores e outros centros de servizos sociais de carácter residencial nun contexto de alta transmisión comunitaria" visto no Consello Interterritorial, aconsella non incorporar novos profesionais ata iniciar a súa pauta de vacinación "salvo que sexa estritamente necesario".

Son recomendacións elaboradas polo relatorio de alertas e aprobadas pola Comisión de Saúde Pública, coas que se insiste na importancia de que todas as persoas que pasen por unha residencia, xa sexan traballadores ou visitantes, vacinados ou non, manteñan as medidas de hixiene e prevención.

Para os residentes vacinados desaconsella facer cribados periódicos para a verificación da efectividade da vacinación. Se o nivel de transmisión é alto, a localización e organización das visitas, a súa supervisión ou non e o número de visitantes, así como a organización e duración das saídas, "pautarase por parte da autoridade competente garantindo sempre as medidas de prevención adecuadas". Todo o persoal terá que contar con información e formación específica e actualizada sobre as medidas de prevención antes da súa incorporación ao posto de traballo.

Noticias web

11/08/2021