CRTVG

Buscar

Os traballadores da UCI do Hospital de Lugo felicitan o Nadal dun xeito moi peculiar

Publicado o 21/12/2020 15:02

Non falta a música de Nadal, os disfraces destas datas e tampouco as máscaras do tempo que nos toca vivir e así, con bailes e ledicia é como os traballadores da UCI do Hospital de Lugo fixeron a súa particular mensaxe de Nadal.

"Na UCI somos un equipo moi familiar e a nosa idea é transmitir unha mensaxe de alegría e que a xente sorría pero con moito sentidiño e celebrar este Nadal especial", conta Eva Caseiro, organizadora da felicitación da UCI do Hula.

Eles, que loitan man a man co virus, saben que son momentos difíciles pero tamén que é importante non perder a ilusión, por iso no seu tempo libre fóronse organizando para perseguir e derrotar o Grinch e darlle a el e ao ano que termina unha clara mensaxe, vaite e non volvas.

"Representa un bicho e perseguímolo, quérenos quitar a ilusión, os regalos e o Nadal. Perseguímolo, derrotámolo e mandámolo á UCI coidámolo de marabilla como sempre facemos e curámolo. A mensaxe principal é bo Nadal pero 2020, con todo o cariño, vaite e non volvas", conta Eva Caseiro, organizadora da felicitación da UCI do HULA.

Dende o cariño e o respecto avogan por que non se perda a ilusión, que dá folgos para seguir loitando, e desexan que en 2021 sexamos todos os que somos e que volvan os bicos e as apertas.

Noticias web

21/12/2020