CRTVG

Buscar

Os traballadores analizarán este mércores a proposta "definitiva" de Alcoa para desconvocar a folga e negociar a venda

Publicado o 12/01/2021 18:45
Os traballadores analizarán este mércores a proposta "definitiva" de Alcoa para desconvocar a folga e negociar a venda

A dirección de Alcoa trasladou ao comité de empresa da planta de Cervo unha proposta "definitiva" co obxectivo de que desconvoque a folga que mantén fai máis de tres meses para sentar a negociar a venda da factoría de aluminio a través da sociedade estatal de participacións industriais SEPI).

A multinacional do aluminio sinalou esa desconvocatoria como condición para volver establecer negociacións coa vista posta nesa operación, que o pasado ano resultou errada. Tras as decisións da xustiza, que impediu á compañía parar as cubas de electrolise e anulou o despedimento colectivo que pretendía levar adiante, Alcoa volveu reunirse co comité pasado Día de Reis, sen acordo.

Este luns retomou o encontro que se prolongou durante este martes e no que trasladou esa proposta "definitiva", segundo o comité. Pola súa banda, os representantes dos traballadores remitirán a proposta aos distintos sindicatos "para a súa valoración" e este mércores debaterana nun pleno extraordinario que dará comezo ás 11:00 horas.

O pasado xoves, a dirección recriminou ao comité expor "esixencias adicionais". Despois disto, este luns, o comité ofreceu suspender a folga se a dirección senta a negociar e se se compromete "por escrito" a non parar "ningunha das series" e ao mantemento do persoal e da produción nas instalacións da Mariña.

Noticias web

12/01/2021