CRTVG

Buscar

Os traballadores de Vitrasa convocan paros parciais

Publicado o 04/10/2021 09:49
Os traballadores de Vitrasa convocan paros parciais

Os traballadores da concesionaria do transporte público de Vigo, Vitrasa, retoman as protestas que xa iniciaron en agosto.

Reclaman unha redución da xornada laboral para os condutores, un colectivo que segundo o comité de empresa afronta unha carga de traballo excesiva. Tamén piden a regulación do descanso diario e que poidan ter as vacacións durante os meses de verán.

Afirman que están a traballar unhas 10 horas diarias con tempos de percorrido difíciles de cumprir, o cal, sumado aos atascos e ás obras na cidade, lles provoca un grande estrés ao volante. O comité denuncia incumprimentos do convenio precisamente no que se refire aos horarios e atrasos de nóminas.

Por iso convocaron estes paros parciais de luns a venres e de carácter indefinido. O comité de empresa denuncia tamén o inmobilismo do goberno vigués e lembra que o concello é o máximo responsable de que este servizo público funcione en condicións de calidade. Os sindicatos anuncian que se non lles dan solucións ampliarán os paros.

Noticias web

04/10/2021