CRTVG

Buscar

Os terremotos fan temer a aparición doutro volcán na Palma

Publicado o 27/09/2021 20:34

Preocupa o camiño que vai tomar a lava e os gases que poden afectar as poboacións, pero tamén un novo enxame de tremores ao sur da Illa. A actividade sísmica estase desprazando ao sur da illa, e iso pode anticipar unha nova erupción nesa zona. En Fuencaliente rexistráronse nas últimas horas 16 terremotos.

Os expertos xa avanzaron dende o comezo que se poden abrir fendas novas en calquera lugar da Palma. E iso quere dicir que poderían xurdir novos volcáns noutras zonas. Así que científicos, equipos de emerxencia e poboación teñen un ollo posto nas coadas de lava que avanzan dende Cumbre Vieja ata o mar, pero tamén noutros lugares onde a codia terrestre comeza a moverse.

Trescentas persoas de catro barrios de Tazacorte están pechadas nas súas casas. É a recomendación das autoridades para que non respiren a cantidade de gases tóxicos que poden formarse cando a lava entre na auga. A decisión tómase despois de que a coada acelerara a súa velocidade. A súa evolución vixíase minuto a minuto dende o aire e tamén dende o mar.

Os expertos descartan que se produza unha chuvia ácida nas vindeiras horas, pero os ventos farán que as nubes de cinsa cheguen a outras illas. Ademais de vixiar a coada principal, os científicos están moi pendentes do enxame de tremores que se está producindo no sur da illa da Palma.

Segundo o Instituto Xeográfico Nacional, nas últimas horas rexistráronse 16 terremotos no concello de Fuencaliente. Todos eles de magnitude superior a dous na escala de Richter e co epicentro a unha profundidade de entre 9 e 13 quilómetros. Esta actividade sísmica podería estar anticipando unha nova erupción nese lugar.

A industria do plátano agarda perdas millonarias

As erupcións volcánicas da Palma están xa causando estragos na principal industria da illa, o cultivo de plátano. A cinsa está estragando o froito que se debería estar vendendo agora. E o magma que segue expulsando o volcán ameaza con sepultar centos de hectáreas de plantacións. Pero hai máis. A lava está afectando os sistemas de rega e o corte de estradas deixaría moitas plantacións illadas. Os agricultores prepáranse para perdas millonarias.

Centos de hectáreas de plantacións poden quedar soterradas pola lava, pero mesmo as que se salven do magma terán problemas. Moitas tubaxes de rega están xa estragadas e as estradas tamén son un problema.

Se quedan cortadas, moitos plataneiros non poden dar saída ao seu produto. Os equipos de conservación non paran de limpar po volcánico do asfalto. Moverse pola illa é fundamental para os exportadores de plátano, pero tamén para os veciños.

As cinsas comezan a aparecer xa no leste da illa. As autoridades recomendan levar lentes, máscara e luvas para limpala. Mentres tanto, os agricultores piden un plan para dotar de terras os que agora perdan as súas zonas de cultivo.

Noticias web

27/09/2021