Os taxistas de Madrid endurecen as protestas e piden a dimisión do presidente da Comunidade
Os taxistas de Madrid continúan en pé de guerra tras oito días de folga. Case catro horas tardou a policía en desaloxar os 2.000 taxis que a primeira hora deste luns tomaron o Paseo da Castellana, a principal arteria de comunicación da cidade. Houbo que ulilizar a forza para levantar os taxistas, e guindastres para sacar unha trintena de coches.
De alí, levaron a protesta á rúa Xénova, diante da sede do PP, e xa pola tarde á Porta do Sol, ante a sede da Comunidade de Madrid. Os taxistas, arroupados por compañeiros doutros puntos de España, pediron a dimisión do presidente madrileño, ao que acusan de deixar morrer o sector.
Saúl Crespo, portavoz do comité de folga: "estamos dispostos a chegar a un acordo. Nós temos unhas liñas vermellas pero temos marxe para a negociación, pero os que non queren negociar con eles, que o único que queren é protexer un servizo discrecional fronte a un servizo público"
O presidente da Comunidade de Madrid insiste en seguir negociando, e advírtelles aos taxistas que terán que ceder porque o obxectivo é que ambos sectores poidan convivir.
Ángel Garrido, presidente da Comunidade de Madrid: "sigo aberto a falar cos taxistas e cos VTC, e a chegar a un acordo que satisfaga todas as partes, pero non a pechar un sector, o das VTC, porque iso nin é legal nin o queren os cidadáns"
A patronal dos VTC denuncia que na última semana 150 dos seus vehículos foron atacados e varios condutores agredidos. Este luns pedíronlle á Delegación do Goberno que reforce a súa protección e garanta a súa seguridade.