Os taxistas da Coruña din que as VTC non cumpren as normas
En Galicia opera tamén dende mediados de decembro Cabify, outra empresa de alugueiro de vehículos con condutor. Tamén teñen base na Coruña pero dende alí poden levar os seus clientes a toda a comunidade e mesmo ó resto do país. Dende as asociacións de taxi din que son unha competencia desleal.
Miguel Angel Polo, Teletaxi A Coruña: "Para nós é unha competencia desleal porque eles non levan un taxímetro, nin rótulo. Nós pagamos aquí os impostos e eles non".
Nestes momentos hai en Galicia máis de 270 permisos de VTC. É unha licenza por cada 13 de taxi, o que supera o ratio de 1 a 30 previsto pola lei. Os taxistas da cidade din que non hai mercado para todos.
Pero, ademais, aseguran que moitos VTC non están usando as matrículas azuis nin se identifican cos adhesivos que lles corresponden. Tamén acusan as novas plataformas de saltar a norma que lles impide recoller clientes pola rúa.
Miguel Angel Polo, Teletaxi A Coruña: "Na zona de marcha, de noite, andan circulando a ver se un cliente os para. Eles non poden recoller clientes na rúa, nin nas paradas de taxis, teñen que levar un rexistro dos servizos que van facendo...".
Os taxistas da Coruña teñen previsto reunirse nas próximas semanas con representantes do Concello. Din que fai falta unha lei autonómica que fixe as normas para o sector e tamén regulamentos municipais.