CRTVG

Buscar

Os taxis xa poderán ocupar todas as prazas traseiras na nova normalidade

Publicado o 16/06/2020 17:54

As prazas traseiras dos taxis poderán ser ocupadas coa nova normalidade, mantendo as medidas de prevención, segundo explicou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, tras unha reunión co sector.   

Ao encontro asistiron tamén o director xeral de Mobilidade, Ignacio Mestre, así como o presidente da Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (Fegataxi), Manuel Sánchez Quindimil, e representantes do colectivo para abordar a situación  do sector.   

En declaracións aos xornalistas, a conselleira explicou que o obxectivo foi informar das novidades en canto á ocupación dos vehículos para "flexibilizar" as medidas e permitir ocupar todas as prazas da parte traseira, deixando libre a praza do copiloto.   

Así mesmo, informáronos da orde de axudas da Xunta, dotada con 300.000 euros para a instalación de 4.000 pantallas protectoras nos vehículos de taxi e alugueiro con condutor. Cando se solicite a axuda, a pantalla deberá estar xa instalada, sendo subvencionables aquelas que se adquiran entre o 1 de marzo e o 31 de xullo.   

Desde o sector destacouse a medida de ampliar a ocupación das prazas, para facilitar que poida ir unha familia. Tamén reclamaron que "nun curto prazo" poidan ir todas ocupadas.