CRTVG

Buscar

Os talibáns prometen que permitirán voos civís despois do 31 de agosto

Publicado o 25/08/2021 12:34
Os talibáns prometen que permitirán voos civís despois do 31 de agosto
EFE

Os talibáns aseguraron este mércores que permitirán a operación de voos comerciais no país despois da data límite para as evacuacións internacionais do 31 de agosto, co que insisten en que non é necesario ningún tipo de extensión desa data para continuar cos voos de evacuación.

Os talibáns "achandarán o camiño para a continuación dos voos civís. As persoas con documentos legais poden viaxar a través de voos comerciais despois do 31 de agosto", informou en Twitter o portavoz da oficina política dos talibáns, Suhail Shaheen.

Esta garantía foi dada polo director adxunto da oficina política do movemento insurxente en Qatar, M. Abbas Stanikzai, tras unha reunión co embaixador de Alemaña en Afganistán, Markus Potzel, engadiu o portavoz. A reunión, que tivo lugar onte, tiña como fin discutir asuntos políticos do país e a situación do aeroporto de Cabul, onde se viviron escenas de caos con miles de persoas tratando de fuxir despois de que os insurxentes tomasen o poder o pasado 15 de agosto.

De acordo co portavoz talibán, Alemaña fixo fincapé "na continuación da asistencia humanitaria a Afganistán e agregou que os proxectos de desenvolvemento suspendidos tamén se renovarán despois da normalización da situación". Con todo, non precisou como continuará Berlín dando apoio aos cidadáns afgáns, agora que os insurxentes pasaron a tomar as rendas do país, e descoñécese se seguirá o financiamento internacional dos países que impulsaron a reconstrución de Afganistán tras a caída do réxime talibán en 2001.


Alemaña seguirá tratando de evacuar persoas de Afganistán tras o día 31

A chanceler alemá, Angela Merkel, afirmou este mércores que o fin da actual ponte aérea en Afganistán nuns días non debe ser o final dos esforzos para sacar do país ás persoas que necesitan protección.

Ao intervir nunha declaración de goberno sobre Afganistán no Bundestag, Merkel fixo esta observación tras indicar que o presidente dos EUA, Joe Biden, mantén o seu obxectivo de retirar as súas tropas do aeroporto de Cabul o 31 de agosto. "O final da ponte aérea nuns días (...), non pode ser o fin dos esforzos para rescatar a todas as persoas que precisen protección", afirmou a chanceler.

Os talibáns mostráronse contundentes sobre a súa negativa para ampliar a data límite do próximo 31 de agosto para que as tropas estranxeiras abandonen o aeroporto internacional de Cabul, onde levan a cabo a contra o reloxo as evacuacións dos seus nacionais e afgáns en situación de perigo. Washington deberá retirarse por completo en sete días, se quere cumprir as esixencias dos insurxentes.

Os talibáns anunciaron, ademais, onte que os afgáns non poderán ir ao aeródromo, limitando os accesos só a estranxeiros, unha decisión que compromete os plans de sacar do país a miles de persoas consideradas vulnerables baixo o novo réxime islamita.

 

Noticias web

25/08/2021