CRTVG

Buscar

Os talibáns dan por conquistado o val do Panjshir, último reduto de resistencia

Publicado o 06/09/2021 08:11
Os talibáns dan por conquistado o val do Panjshir, último reduto de resistencia
EFE

Os talibáns aseguraron este luns que os seus combatentes lograron a conquista da provincia setentrional de Panjshir, a única das 34 rexións afgás que non caera en mans insurxentes, que permanecía defendida polas forzas da resistencia.

"A última fortaleza do inimigo mercenario, a provincia de Panjshir, foi completamente conquistada", asegurou nun comunicado o principal portavoz dos talibáns Zabihullah Mujahid.

De acordo co portavoz, "a provincia de Panjshir quedou baixo o control total do Emirato Islámico", como se  autodenominan os talibáns, despois de intensos días de combates.

"Algúns dos rebeldes da provincia foron derrotados e o resto fuxiu, quedoou liberado o pobo oprimido e honorable de Panjshir", engadiu.

Panjshir era ata o de agora a única das 34 provincias afgás que non estaba baixo o control dos islamitas, despois de que o grupo capturase as 33 rexións restantes en menos de dúas semanas, culminando o logro coa toma de Cabul o 15 de agosto.

"Con esta vitoria e último esforzo, o resto do país estará completamente fóra da guerra e terá unha vida pacífica e próspera nun ambiente de liberdade, independencia e prosperidade", concluíu o portavoz.

A provincia de Panjshir resistira defendida pola Fronte Nacional de Resistencia, formada por guerrillas locais e tropas do Goberno afgán derrocado que se refuxiaron na rexión durante a súa retirada.

A resistencia estivo dirixida polo exvicepresidente afgán Amrullah Saleh, autoproclamado novo presidente de Afganistán tras a fuxida do país durante a toma de Cabul do exmandatario,  Ashraf Ghani, e Ahmad  Massoud, fillo do defunto comandante afgán Ahmad Shah Massoud, "o león do Panjshir", unha lenda por facer fronte aos soviéticos e aos talibáns.

Os combates intensificáronse nos últimos días despois de que fallasen os intentos de diálogo dos fundamentalistas e Ahmad Massoud para atopar unha saída ao conflito.

Resistencia de Panjshir nega caída da provincia

A Fronte Nacional de Resistencia de Afganistán (NRF), como se identifica o grupo guerrilleiro que resiste na provincia afgá de Panjshir, negou a caída da provincia en mans dos talibán, e asegurou que os combates continúan.

"A afirmación dos talibán de que ocuparon Panjshir é falsa. As forzas da NRF están presentes en todas as posicións estratéxicas do val para continuar a loita", dixo o movemento cunha mensaxe en Twitter publicado pouco despois de que os talibáns asegurasen conquistar o territorio. 

Panjshir tamén foi o centro da resistencia contra o grupo islamita durante o anterior réxime talibán, entre 1996 e 2001, que concluíu cunha invasión estadounidense que chegou precisamente esta semana á súa fin tras case dúas décadas de guerra.

Noticias web

06/09/2021