CRTVG

Buscar

Os talibáns conquistan Kandahar, a segunda cidade de Afganistán, e xa controlan 15 capitais provinciais

Publicado o 13/08/2021 09:41
Os talibáns conquistan Kandahar, a segunda cidade de Afganistán, e xa controlan 15 capitais provinciais
EFE

Os talibáns tomaron nas últimas horas o control das importantes cidades meridionais de Kandahar e Lashkargah, capitais da provincia homónima e de Helmand respectivamente, e da occidental Firozkoh, capital de Ghor, elevando a 15 as capitais rexionais afgás caídas nunha semana.

Estas tres últimas conquistas remarcan a rapidez coa que os talibáns están a avanzar en tomar o control do país, despois de que nunha semana tomasen 15 das 34 provincias de Afganistán. Esta en a primeira vez en case vinte anos de guerra que o Goberno de Cabul perde tantos territorios en cuestión de días.

De momento non hai unha decisión do Goberno sobre se lanzará un contraataque para recuperar Kandahar, a segunda cidade do país despois de Cabul.

"Agora só hai algúns soldados no aeroporto de Kandahar, o resto da provincia está completamente baixo o control dos talibán", dixo a Efe Khalil Ahmad Mujahid, parlamentario de Kandahar.

Kandahar foi considerada como a capital histórica do país, xa que no pasado serviu durante séculos como centro do poder en Afganistán. Esta foi ademais un importante enclave de operacións das forzas de Estados Unidos en Afganistán ata que o pasado 1 de maio as tropas internacionais entregaron o mando das súas instalacións ás forzas afgás, como parte da fase final da súa retirada.

Esta provincia é tamén considerada o lugar de nacemento do movemento talibán e foi base do máximo líder talibán, o mulá Omar, durante o réxime talibán 1996-2001.

Noticias web

13/08/2021