Os talibáns declaran a "total independencia" de Afganistán e festexan a retirada dos EUA
• Os EUA dan por rematada a súa misión, tras 20 anos de guerra
• José María Peredo Pombo: "Occidente debe asumir responsabilidades cos refuxiados afgáns"
• Vicente Díaz de Villegas, xeneral retirado: "A saída de Afganistán foi ás presas, unha fuxida"
Os talibáns saíron ás rúas este martes para celebrar con disparos ao aire a fin de dúas décadas de ocupación estadounidense de Afganistán, despois de tomaren o control do aeroporto internacional de Cabul tras a saída antes da medianoite dos últimos soldados estadounidenses do país.
Forzas especiais dos talibáns, da coñecida como unidade 313 Badri, entraron no aeroporto de Cabul unha hora despois de que o último avión estadounidense abandonase a zona militar do aeródromo, e tomaron o control total por primeira vez da última base dos Estados Unidos tras vinte anos de conflito.
Desde o propio aeroporto de Cabul declararon a "completa independencia" de Afganistán, e ademais prometeron formar un Goberno islámico "inclusivo", só horas despois da retirada total dos Estados Unidos.
Tras 20 anos de guerra, Afganistán logrou á fin "obter a súa independencia das forzas estranxeiras", celebrou nunha conferencia de prensa no aeroporto do Cabul o principal portavoz dos talibáns Zabihullah Mujahid segundo recolle a Axencia EFE.
Mujahid dirixiuse aos seus combatentes. Felicitounos polos seus sacrificios, que supuxeron durante o último mes unha vitoria tras outra e que os l evou en algo máis de dúas semanas a controlar case todo o territorio afgán, coa conquista de Cabul o 15 de agosto e agora coa retirada total estadounidense.
"Polos seus sacrificios (...) hoxe logramos a independencia. Quero felicitarvos a todos e a nosa nación por esta independencia. Esperamos que Afganistán nunca volva ser ocupado e siga sendo independente, próspero e o fogar dos afgáns baixo un sistema islámico", dixo.
"Os invasores deben saber que Afganistán non é lugar para eles, cometeron un erro ao vir aquí, estamos felices de que xa non estean", engadiu Mujahid.
Agora os líderes talibáns esperan anunciar pronto o seu novo Goberno islámico. Os talibáns teñen agora o dereito de "asumir o liderado do país e garantir o seu futuro" tras case vinte anos de xihad, sinalou. "Prometemos construír un sistema que representará os valores afgáns e islámicos", asegurou.
O portavoz tamén fixo un chamamento aos membros das súas forzas para que sexan "educados e teñan un bo comportamento" cos cidadáns, xa que tras 20 anos de guerra "a nación ten o dereito a unha vida pacífica, a respirar en calma". "Nós debemos ser os serventes da nación, non a súa dinastía", remarcou.
O próximo Goberno dos talibáns terá un futuro incerto nas súas relacións coa comunidade internacional, que non fixou unha posición clara sobre o recoñecemento do seu réxime, á espera de comprobar o respecto aos dereitos humanos dos islamitas.