CRTVG

Buscar

Os talibáns buscan facerse sitio na ONU para interactuar co mundo

Publicado o 22/09/2021 10:41
Os talibáns buscan facerse sitio na ONU para interactuar co mundo
EFE

Os talibáns solicitaron intervir nas actuais reunións da Asemblea Xeral da ONU para "iniciar interaccións e relacións diplomáticas" cos países representados no organismo internacional, unha misión que estará a cargo do seu candidato Suhail Shaheen, actual portavoz en Qatar.

O paso tomouse para "iniciar interaccións, relacións diplomáticas e intercambios (cos países representados na ONU) e asegurar así os dereitos do pobo oprimido de Afganistán", explicou este mércores a Efe o portavoz talibán Bilal Karimi.

O portavoz confirmou que -como adiantaran representantes da ONU- solicitaron a súa participación na Asemblea Xeral a través dunha misiva enviada esta semana, en que pedían que "o Emirato Islámico teña o seu papel nas Nacións Unidas".

Ademais, Karimi detallou que "para a Asemblea Xeral en curso nas Nacións Unidas, Shaheen é a persoa idónea para pronunciar o discurso en nome de Afganistán, como representante do Emirato Islámico", como se denomina agora o país despois de que os talibán tomasen o control de Cabul o pasado 15 de agosto.

Se é aceptado polas Nacións Unidas, Shaheen substituirá a Ghulam M. Isaczai, que foi designado polo expresidente Ashraf Ghani como embaixador e representante permanente da República Islámica de Afganistán ante a ONU en xuño de 2021.

Shaheen estivo traballando como membro da oficina política do grupo en Doha durante a última década e tamén é o portavoz da súa á política. No anterior goberno talibán entre 1996 e 2001 traballou como xefe da axencia de noticias estatal Bakhtar.

Unha petición improbable

Pero a solicitude dos talibán non garante que poidan dirixirse aos líderes internacionais, pois corresponde a un comité da Asemblea pronunciarse sobre quen debe intervir en nome de Afganistán, decisión que a priori non se producirá antes de que termine esta Asemblea Xeral, o vindeiro luns.

Antes desta misiva, a ONU recibira outra do actual embaixador afgán, presentándose como o líder da delegación do país nas reunións de alto nivel destes días.

Segundo o portavoz de Nacións Unidas Farhan Haq, ambas as cartas foron remitidas ao comité de credenciais da Asemblea Xeral, un órgano formado por nove países -entre eles Estados Unidos, A China e Rusia- e que é o encargado de dirimir este tipo de conflitos, para o que habitualmente opera buscando o consenso.

Aínda que nada llo impide, non está previsto que o comité se reúna antes de que terminen os actuais debates na Asemblea, segundo varias fontes diplomáticas, o que xogaría en contra do plan dos talibáns.

Afganistán é un dos asuntos que están a centrar os discursos dos xefes de Estado e de Goberno de todo o mundo e unha posible participación dos talibán supoñería un paso importante para a súa entrada no concerto internacional.

Noticias web

22/09/2021