CRTVG

Buscar

A falla dunha testemuña deixa no aire o xuízo pola desaparición dun socio de Pelopincho

Publicado o 21/03/2019 14:21

Suspendido sine die o xuízo contra 4 acusados da desaparición de José Bernardo Villaverde, socio do coñecido narcotraficante Pelopincho, tamén en paradoiro descoñecido desde entón, o 19 de novembro de 2010. A vista suspendeuse pola incomparecencia da principal testemuña: a muller de Villaverde, que tiña que declarar por videoconferencia desde Bolivia, onde foi localizada ultimamente.

O fiscal, que pide 10 anos de prisión para cada un dos acusados, solicitou o arquivamento provisional mentres non localicen a testemuña. Os avogados da defensa amosáronse desconformes coa suspensión. Pedían a celebración de xuízo sen a testemuña ou unha sentenza absolutoria para os acusados.

Os feitos que se ían xulgar hoxe remóntanse ao 19 de novembro de 2010, cando Xosé Bernardo Villaverde chegaba á súa casa en Monte Porreiro coa muller e o esperaban dous coches. Segundo o escrito do fiscal, dun deles baixou un dos acusados, Manuel Sineiro, e convidouno a ir con el. Marcharon no seu coche, seguido dos outros dous, onde supostamente ían o resto dos acusados e algunhas hipóteses tamén apuntan a que ía o coñecido narcotraficante e socio de Villaverde, Pelopincho, tamén en paradoiro descoñecido desde ese día. Nunha chamada, Villaverde díxolle á muller que volvería pola tarde, pero nunca apareceu.

O coche localizárono días máis tarde calcinado en Brión. A muller denunciou a desaparición e pouco despois marchou do país. A hipótese barallada polos investigadores é que a desaparición de Villaverde e Pelopincho foi un axuste de contas por roubarlle un alixo de 4 toneladas de haxix a unha banda marroquí con enlaces en Galicia.

A principal testemuña do caso é a parella de Villaverde, que hoxe debería declarar por videoconferencia desde Bolivia, onde fora localizada recentemente, pero non compareceu, polo que se suspendeu o xuízo.

Noticias web

21/03/2019