CRTVG

Buscar

Tomar suplementos de vitamina D sen necesitalos pode danar os riles

Publicado o 12/02/2021 17:31

Hai evidencias científicas baseadas en estudos aínda preliminares de que a vitamina D mellora o sistema inmunolóxico e, polo tanto, reduce a gravidade das infeccións, as hospitalizacións e as mortes por coronavirus. Aínda que non son resultados definitivos nin concluíntes, a difusión de informacións ao respecto provocou un aumento da demanda de suplementos alimenticios e da vitamina D. Pero os expertos advirten de que debe ser un médico o que prescriba a suplementación no caso de que a precisemos.

 "Se alguén ten dúbidas de ter carencia de vitamina D debería facer unha analítica e que fora o médico quen lle recetara a cantidade que necesita. Isto varía dunha idade a outra", explica a farmacéutica Natalia Martínez.

E é que o exceso de vitamina D tamén ten riscos graves.

 "Como é liposoluble, almacénase nos tecidos grasos e no se elimina pola urina. Pode provocar unha avitaminose por exceso de calcio no sangue e danar os riles", explica a farmacéutica.

Para fortalecer o sistema inmunitario é importante o exercicio físico e unha boa alimentación. Os suplementos alimenticios que hai no mercado sen receita médica poden axudar, pero por exemplo para producir vitamina D a mellor maneira é expoñernos ao sol alomenos 30 minutos diarios, porque se sintetiza a través da pel. Pero tamén está presente en alimentos como o peixe azul, os lácteos, os ovos ou os cereais.