CRTVG

Buscar

Os socios de ERC critican a súa renuncia á declaración unilateral de independencia

Publicado o 08/06/2021 15:27

O cambio de estratexia de Oriol Junqueras, aprobando os indultos e renunciando á independencia unilateral de Cataluña, dá azos á negociación co Goberno central. A voceira do PSOE no Congreso, Adriana Lastra, pídelles "confianza" aos "españois que teñen dúbidas sobre este proceso de diálogo e reencontro que estamos abrindo".

Dende o PP non ven cambios no soberanismo catalán e acusan a Sánchez de someterse aos independentistas. Para Cuca Gamarra,  "seguen reivindicando exactamente o mesmo, a amnistía e o referendo". Para a portavoz popular, o que demostra a carta de Junqueras "é que Sánchez actúa como aquel que depende sempre dos independentistas".

O movemento de Esquerra e do seu presidente a favor do diálogo podería facer perigar o goberno da Generalitat. Os socios de Junts per Cat recórdanlle o pacto que teñen asinado, que os cataláns os votaron "para facer a independencia de Cataluña e non para renunciar a ela". Díxoo a súa deputada no Congreso Miriam Nogueras, quen engadiu que non descartan ningunha vía, "tampouco a unilateral". Tamén a CUP ameaza con retirarlle o apoio. A súa voceira no Congreso, Mireia Vehí, asegura que "non se pode renunciar a ningunha vía".

Pero dende Esquerra defenden a vía marcada polo seu líder. Para Gabriel Rufián, Junqueras "verbalizou, por escrito, cousas que vimos dicindo hai moitisimo tempo e que comportaron vitorias electorais".

Noticias web

08/06/2021