Os socialistas din que os presupostos permitirán acometer as grandes obras pendentes en Galicia; os populares consideran que son insuficientes
• O BNG ve un bo punto de partida e Galicia en Común fala dunha "contas históricas"
Para os socialistas, os presupostos poñen Galicia, din, no lugar que merece, e permitirán acometer os grandes proxectos pendentes. Especialmente en infraestruturas.
"Somos das comunidades que máis crecemos en investimentos reais, e fundamentalmente no conxunto do ministerio de Transportes, que é do que máis preocupa. Neste momento somos das comunidades co maior incremento, case un 30 %", asegurou o deputado Guillermo Meijón.
Para o BNG segue sendo insuficiente, pero din que os orzamentos son un bo punto de partida. "Aspiramos a mellorar eses orzamentos, dicímolo con claridade. Cremos que Galicia ten que recuperar o déficit histórico en investimentos, especialmente en infraestruturas, e en concreto na rede ferroviaria interna", dixo o deputado Néstor Rego.
Galicia en Común fala dunhas contas históricas para Galicia. "Clarísimamente son os orzamentos da xustiza con Galicia, son os presupostos máis xustos con Galicia que tivemos ata o de agora", asegurou Goméz-Reino.
Discrepan desde o Partido Popular, que consideran que con estas contas, Galicia perde peso específico dentro de España. "Porcentualmente seguimos estando un punto por debaixo do que foi o último presuposto aprobado polo Goberno de Mariano Rajoy no ano 2018, pero tamén estamos moi alonxados do que foi a media de investimentos en Galicia nos últimos anos, que rondaba o 11 por cento, e incluso chegou a superalo", denunciou o deputado Celso Delgado.
Os populares denuncian que os presupostos priman Cataluña por enriba de calquera outra comunidade, o que vai en contra, din, da cohesión territorial.