CRTVG

Buscar

Os socialdemócratas alemáns convidan os verdes e os liberais a negociar

Publicado o 28/09/2021 10:56
Os socialdemócratas alemáns convidan os verdes e os liberais a negociar

O Partido Socialdemócrata (SPD) alemán, o máis votado nos comicios xerais de domingo pasado, expresou este martes o seu desexo de comezar canto antes as conversas previas para a formación dun goberno de coalición co grupo dos verdes e co dos liberais.

"Imos agora centrados en poñernos a traballar. Convidamos os verdes e os liberais a manter conversacións connosco esta semana, se queren", afirmou o xefe do grupo parlamentario dos socialdemócratas, Rolf Mützenich.

Ademais pediulles aos dous potenciais socios que sexan conscientes de que non se pode repetir un "espectáculo" como o de hai catro anos, ao referirse ás negociacións frustradas entre conservadores, verdes e liberais.

Mützenich expresou a súa esperanza de que todas as partes poidan poñerse pronto de acordo. O responsable parlamentario do SPD subliñou que a xente o que desexa é que se forme un goberno canto antes e dixo que o seu partido está disposto a conversar con rapidez e fiabilidade. Anunciou que as conversas serán a porta pechada e asegurou que as dificultades que xurdan solucionaranse en paralelo.

Respecto a os contidos importantes para o seu partido, situou como básicos o salario mínimo, a vivenda e o desenvolvemento dunha economía respectuosa co clima e á vez cos traballadores, como veu expoñendo na campaña o candidato socialdemócrata á Chancelería, Olaf Scholz.

Noticias web

28/09/2021