CRTVG

Buscar

Os servizos de emerxencia multiplícanse para antender as incidencias causadas polo temporal

Publicado o 20/12/2019 14:39

Os trinta veciños de Herosa, na Gudiña, permanecen illados despois de que esta noite a auga levara por diante a única estrada de acceso á aldea. Un traballador do GES quedou ferido, rompeu unha perna ao caer á fenda. Dende o Concello da Gudiña xa traballan para construír un paso provisional. Si poden entrar e saír xa de Pradorramisquedo, en Viana do Bolo, despois de que desbordara o río Bibei e anegara a estrada.

En Riós, outra estrada local afundiu. E en Ribadavia, o Avia xa cubriu a estrada que comunica coa Arnoia e tivo que ser cortada ao tráfico. Tamén en Baños de Molgas as estradas a tres aldeas están pechados por anegamentos, e na comarca de Monterrei son varias as vías intransitables.

En Verín, os 118 alumnos do instituto Baronceli non tiveron clase ao saír voando o tellado, dende Educación agardan ter os danos dos colexios arranxados para a volta de Nadal.

Unhas 1.200 casas de Cartelle e O Carballiño permanecen sen luz por mor de árbores caídas en postes.

A cantidade de auga caída, ata 80 litros por metro cadrado horas en varios puntos, vese ben no río Miño ao seu paso pola cidade de Ourense, hoxe no segundo pico máis alto de alerta máxima, a crecida máis grande fora no 2010.

Danos na Limia

Os agricultores da Limia están moi afectados polas inundacións provocadas pola sucesiva choiva. Así están a maioría dos campos da comarca, totalmente anegados. Das 8.000 hectáreas que tiñan que estar sementadas de cereal de inverno só se puido sementar o dez por cento. Din os expertos que a día de hoxe ese dez por cento está totalmente inservible. Falan de perdas millonarias. Din que polo menos se verá resentida a metade da colleita de todo o cereal.

Día de tregua en canto a chuvias na provincia de Lugo. As precipitacións destes días fixeron que varios ríos e regatos se desbordasen, sobre todo na Terra Chá, se ben non afectaron vivendas. Iso si, pistas e prados están asolagados. Os regatos da zona saíron do leito e invadiron os campos próximos. Son as consecuencias máis visibles do temporal destes días.

A limpeza do río Miño axudou a que, desta volta, a inundación non fose máis grave. A agua dos campos procede de regatos, tan frecuentes na Terra Chá. As terras están enchoupadas, pero os danos non son cuantiosos.

Onte suspendéronse as clases no instituto de Castro de Rei e chegou a haber casas illadas. Hoxe algunhas pistas continúan asolagadas, pero non están cortadas.

No resto da provincia, tamén hai risco de desbordamento dos ríos Landro, Miño e Ouro, que presentan caudais moi altos.

Inundacións en Sada

Os veciños de Sada, que foron os que sufriron as inundacións máis graves, esixen medidas urxentes para evitar novos anegamentos nas súas casas e negocios. Din que é xa a segunda vez que viven este pesadelo que os ten en ascuas. Mentres, e cos nervios a flor de pel, afánanse na limpeza das súas vivendas e locais e comezan xa a avaliar os cuantiosos danos materiais.

Impotentes, esixen solucións para evitar novos anegamentos. Xa tomaron medidas para evitar que a auga volva inundar as súas propiedades, pero amósanse desconfiados e seguen moi pendentes do ceo.

A borrasca Elsa tamén produciu inundacións na comarca de Bergantiños. Os ríos de Carballo e Ponteceso permanecen desbordados. Houbo cortes de luz e a auga anegou baixos comerciais e garaxes.

Tras o paso da borrasca Elsa, esta mañá os efectivos de emerxencias e Protección Civil de Ponteceso seguían sacando auga de baixos comerciais e garaxes. Polo menos 10 edificios víronse afectados polas inundacións.

De feito dende o Concello valoran presentar unha queixa ante industria, e instan os afectados a denunciar a compañía subministradora. Todo, baixo a atenta mirada ao río Anllóns. Permanece desbordado e mesmo obrigou a facer cortes puntuais da estrada.

As próximas horas serán cruciais. En Ponteceso, e tamén noutras localidades da comarca de Bergantiños como Carballo, permanecen moi atentos aos ríos, que poderían seguir medrando ante a inminente chegada da borrasca Fabien.

No concello de Rois, a enchente do río Sar deixou illada unha aldea porque o caudal superou a ponte que comunica este núcleo co resto do municipio. A única alternativa é unha pista sen asfaltar que tamén quedou impracticable pola lama. Os veciños piden que se manteña a zona en condicións.

Os veciños da rúa Fernando Olmedo de Pontevedra temen a chegada da cicloxénese explosiva Fabien, xa que desde o domingo ata hoxe sufriron dous importantes asolagamentos nos seus portais, baixos e establecementos comerciais e hostaleiros.
Consideran que a causa son unhas recentes obras na rúa, ademais das novas lombas que fan que a auga encore.

O Miño tamén segue a rebordar en diversas localidades da raia como Salvaterra, Tui e Tomiño e o Miñor ofrecía esta estampa esta mañá en Gondomar, no paseo peonil Carlos Casares que estivo impracticable durante boa parte desta mañá.

Noticias web

20/12/2019