Os saúdos de Sánchez con Trump e Bin Saiman marcan as primeiras horas do cumio do G-20 de Osaka
Este xesto de Donald Trump a Pedro Sánchez é unha das imaxes da primeira xornada do cumio do G-20 en Osaka, no Xapón. Interpretouse de distintas maneiras. A piques de comezar o cumio, saúdo con aperta de mans entre os dous mandatarios. Intercambian unhas palabras e Trump sinálalle o asento coa man como pedíndolle que sentase. Desde A Moncloa aclaran que o dirixente norteamericano lle eloxiou o "bo sitio que ocupaba". O sorriso de Sánchez parece confirmalo.
Tampouco pasou desapercibido estoutro saúdo de Pedro Sánchez ao príncipe de Arabia Saudita, Mohamed Bin Salman, acusado pola ONU de estar detrás do asasinato do xornalista Kashoggi. Un saúdo buscado polo propio Sánchez, que contrasta co baleiro que todos os líderes lle fixeron no cumio do ano pasado.
Son as 4 da mañá en Osaka. Os líderes do mundo descansan tras unha xornada de actividade intensa. É un cumio para falar de comercio. Complicado porque se produce en plena guerra comercial entre os Estados Unidos e a China. É, sen dúbida, a xuntanza bilateral máis esperada e terá lugar dentro dunhas horas.
Pero os maiores desacordos xorden arredor do cambio climático. Os líderes europeos presionan para blindar o Acordo de París asinado en 2015 e do que os Estados Unidos se retiraron unilateralmente hai dous anos. Agora Trump intenta convencer países como Arabia Saudita, Turquía e o Brasil de que fagan o mesmo.
Tras esta primeira xuntanza, España asume que non haberá grandes avances pero desde o Goberno aseguran que Europa non permitirá que se dea un paso atrás.
Pedro Sánchez mantivo reunións bilaterais con vistas ao cumio europeo que este domingo ten que negociar en Bruxelas a repartición institucional. Tamén aproveitou para entrevistarse cos líderes da Arxentina, Chile e México, e intercambiar impresións sobre o acordo entre a Union Europea e o Mercosur.
Sánchez, que viaxou ao Xapón acompañado da súa muller, Begoña Gómez, pechou a xornada asistindo á cea de líderes e acompañantes que se celebrou no castelo de Osaka.