Os sanitarios que non se vacinen en Italia poden ser suspendidos
Publicado o 06/08/2021 14:56
Italia foi o primeiro país europeo en obrigar os profesionais sanitarios a vacinarse. Todos os médicos, enfermeiros, auxiliares e sanitarios que estean en contacto con pacientes, incluídos os farmacéuticos, teñen a obriga de vacinarse neste país por lei. Do contrario, poderán ser sancionados con cambios de funcións ou ser mesmo suspendidos de emprego e soldo.
O Goberno italiano acaba de decidir tamén que os profesores de todos os cursos educativos e os estudantes universitarios deberán contar co certificado sanitario da covid a partir do mes de setembro. Un certificado que tamén será obrigatorio a partir de hoxe para consumir dentro de bares e restaurantes ou acceder a cines, ximnasios ou grandes eventos.