CRTVG

Buscar

Os sanitarios do HULA alertan a policía fartos das ameazas dos arrombacoches

Publicado o 24/03/2021 14:12

Un grupo de traballadores do hospital Lucus Augusti de Lugo tivo que alertar a policía a causa dos arrombacoches, que invadiron a estrada cando a visibilidade era practicamente nula debido á neboa mesta. Sinalan ademais que dun tempo a esta parte se amosan máis agresivos, mesmo chegando a botarse aos coches, e que incluso recorren ás ameazas para conseguir o seu obxectivo.

María Gorgoso, presidenta da xunta de persoal do HULA e delegada de persoal do CSIF: "Unha vez aparcas, xa che piden un donativo, máis ben unha obrigación, e se non están de acordo co que lles deas pois xa che reclaman máis e ofrécenche cambio. E se non lles dás o que eles estiman que merecen, entre aspas, ameázante en absoluto veladas".

O colectivo de sanitarios do HULA, onde traballan unhas 2.000 persoas, quéixanse de que levan dez anos padecendo esta situación e que se vai agravando conforme pasa o tempo. Fan, polo tanto, un chamamento para que os condutores deixen de sufragar o que cualifican de mafia.

María Gorgoso, presidenta da xunta de persoal do HULA e delegada de persoal do CSIF: Se ninguén lles dese, eles iríanse, poque non terñían negocio. Pero a xente, ante as ameazas que fan, ten medo, e todo o mundo vai dando".

Estiman que un arrombacoches pode ingresar uns 300 euros ao cabo da xornada.

Noticias web

24/03/2021