Os salóns de beleza piden un IVE do 10% para subsistir tras a pandemia
Os salóns de peiteado e centros de estética preparan a folga convocada para mañá para pedir unha redución do IVE. Queren pasar do 21 ao 10% tras reducir a súa facturación case á metade por mor dos protocolos covid. Moitos non poderán secundar o paro porque, din, a súa situación é crítica.
É considerado un ben de primeira necesidade, pero o sector dos salóns de peiteados e da estética ten serios problemas para lograr a supervivencia en tempos de coronavirus.
A facturación mensual baixou de media entre un 40 e un 50%. A esa diminución da clientela súmase o gasto extra que afrontan nas medidas de seguridade e hixiene.
Piden unha baixada do IVE do 21 ao 10%. Hai dous anos o Goberno compremeteuse a revisar este tipo impositivo que se aprobara en 2012.
Para este martes hai convocada unha folga do sector. Porén, non todos poderán secundala dada a actual situación. Moitos como Marcos non poderán pechar. Outros, apoiarán a protesta a nivel nacional con paros puntuais.