CRTVG

Buscar

Os 'riders' deberán pasar a ser traballadores asalariados nun prazo de tres meses

Publicado o 11/05/2021 14:19

• O Goberno aproba o decreto pactado cos axentes sociais que regula a condición de asalariados para os repartidores de plataformas dixitais

• Parte dos riders maniféstase contra a lei porque entende que vai aumentar a precariedade

O Consello de Ministros aprobou este martes o decreto lei que establece a condición de asalariados para os repartidores de plataformas dixitais, os chamados 'riders'.

O decreto dá un prazo de tres meses para que as empresas se adapten e fagan as modificiacións precisas para que estes traballadores se convertan en asalariados desas empresas.

Na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello de Ministros, a voceira do Goberno, María Jesús Montero, dixo que se trata dun "importantísimo avance que se vai a producir nos dereitos laborais dos traballadores que se dedican á repartición nas chamadas plataformas dixitais".

A vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, destacou que o Executivo está a "gobernar a transición tecnolóxica. Somos pioneiros, Europa estanos mirando". "Un mozo nunha bici non é un emprendedor", afirmou, e dixo que teñen que gozar dos dereitos laborais de calquera traballador.

O 10 de marzo pasado o Ministerio de Traballo, os sindicatos CCOO e UXT e as patronais CEOE e Cepyme pecharon un acordo para a lei que fixa a condición de asalariados dos repartidores autónomos que traballan para plataformas dixitais que prestan servizos de repartición ou distribución de produtos de consumo ou mercadorías. 

 

Noticias web

11/05/2021