CRTVG

Buscar

Os restos do foguete chinés fóra de control caen no Índico

Publicado o 09/05/2021 17:20
Os restos do foguete chinés fóra de control caen no Índico

AXENCIAS   

Os restos do foguete chinés Long March 5B reingresaron na atmosfera terrestre ás 10:24 (02:24 GMT) desta mañá e caeron a 72,47 graos de lonxitude leste e 2,65 graos de latitude norte, segundo anunciou a Oficina de Enxeñaría Espacial Tripulada da China.

As coordenadas situarían o suceso na contorna das illas Maldivas, no océano Índico, ao sur da India, apunta a prensa local, mentres que o organismo asegura que a maior parte dos restos se  desintegraron ao chocar coa atmosfera terrestre.

O tamaño do obxecto, cunha masa estimada de entre 17 e 21 toneladas e un tamaño de aproximadamente 30 metros, e a velocidade á que avanzaba -uns 28.000 quilómetros por hora- fixo que se activaran algúns dos servizos de vixilancia espacial máis importantes, entre eles, o Pentágono ou o Servizo de Vixilancia e Seguimento Espacial da Unión Europea.

Esta axencia xa advertira o venres de que os restos do foguete caerían nunha rexión da Terra cuberta na súa maior parte polo océano ou en áreas deshabitadas, e que a probabilidade estatística dun impacto no chan en áreas poboadas era baixa.

Pola súa banda, a China tamén aseverou o venres que era "altamente improbable" que os restos do foguete causasen danos no seu regreso á Terra e que o máis probable era que se desintegrasen durante a súa entrada á atmosfera.

O foguete foi utilizado a semana pasada pola China para lanzar ao espazo un dos módulos da súa futura estación espacial e foi considerado polos expertos como un dos maiores anacos de refugallo que reingresarían na atmosfera, e de aí a súa vixilancia continuada.

Expertos estadounidenses criticaron que o programa especial chinés permitira o reingreso incontrolado dun foguete tan grande.