CRTVG

Buscar

Os restos de pel atopados na casa de Jorge Ignacio Palma cotexaranse co ADN de Marta Calvo

Publicado o 18/12/2019 14:43

O laboratorio de criminalística da Garda Civil de Madrid cotexará o ADN de Marta Calvo cos restos de pel que apareceron na casa do sospeitoso da súa desaparición. A análise determinará a veracidade do macabro relato que ofreceu Jorge Ignacio Palma de que despezou o corpo da muller e o botou en varios colectores do lixo. 

Os restos humanos apareceron nunha tubaxe do cuarto de baño, o lugar onde se focalizou a segunda inspección que se levaba a cabo na vivenda que Jorge Ignacio Palma tiña alugada na localidade de Manuel.

Con el presente no rexistro, os axentes atoparon tamén trazas da serra coa que supostamente despezou o corpo de Marta.

Os restos de pel foron xa enviados ao laboratorio de criminalística que a Garda Civil ten en Madrid para cotexalos co ADN da muller.

Se se confirma que son dela, trataríase da primeira evidencia da macabra confesión que Jorge Ignacio lles fixo aos axentes de que despezou o corpo no baño da vivenda convencido de que era a única maneira de sacala de alí sen que os veciños sospeitasen nada.

Os investigadores comezarán agora a recompoñer o caso de Marta Calvo que desapareceu o pasado sete de novembro: o seu corpo despezado puido chegar aos colectores do lixo a noite do día seguinte e o día nove, dous días despois, á planta de residuos de Dos Aguas, a maior de Valencia.

Axentes da Garda Civil seguen buscando aquí polo miúdo entre toneladas de lixo, convencidos agora de que antes ou despois os restos de Marta terán que aparecer.

 

Noticias web

18/12/2019