CRTVG

Buscar

Os restos da tormenta tropical Kyle chegarán a Galicia o mércores

Publicado o 16/08/2020 23:22

A semana que comeza teremos que estar moi pendentes do tempo e de como evolucionan os restos que nos chegan da tomenta tropical Kyle. Para o mércores e o xoves espéranse vento forte e chuvia intensa en Galicia, principalmente no litoral atlántico. Será unha borrasca profunda, pero algúns modelos falan mesmo dunha cicloxénese explosiva, desde logo nada habitual nun mes de agosto. Imos estar pendentes para ver como evoluciona.

A tormenta tropical, Kyle, móvese cara a Europa. Aquí podemos ver o seu percorrido.

Segundo os modelos meteorolóxicos, no seu desprazamento polo Atlántico os restos de Kyle poderían acabar converténdose nunha borrasca moi profunda, mesmo algunha secuencia do modelo fala de que se profundiza tanto que poderiamos falar finalmente dunha cicloxénese explosiva, un fenómeno nada habitual nesta época do ano, pero o seu impacto real aínda non está claro.

"É certo que ao non ser habitual que se produzan este tipo de fenómenos no verán, é máis habitual nos meses fríos, tampouco sabemos a ciencia certa como vai evolucionar e os modelos meteorolóxicos nestes casos non adoitan atinar demasiado", di Diego Viaño.

O que si se pode confirmar, a día de hoxe, é que se trata dunha borrasca moi profunda, que podería descargar chuvia con intensidade e que afectará a Galicia o mércores e o xoves.

"É unha borrasca moi profunda que vai deixar moito vento na costa galega. É máis que probable que se active algún tipo de aviso e sobre todo nas últimas horas do mércores e na madrugada e mañanciña do xoves as precipitacións van ser intensas principalmente no litoral atlántico", asegura Diego Viaño.

Aínda así, non se descarta a posibilidade de que pola intensidade do vento tamén se active algún tipo de aviso na costa cantábrica. Así que polo momento haberá que desbotar o traxe de baño e seguir tendo a man o chuvasqueiro.

Noticias web

16/08/2020