CRTVG

Buscar

Os restaurantes prepáranse para servir as primeiras ceas dende hai meses

Publicado o 16/04/2021 16:44

Hoxe é un día en que a maior parte da hostalería acolle con optimismo. Os restaurantes poden permanecer abertos ata as once da noite. A moitos deles esta ampliación vailles permitir ofrecer ceas. Porén, deben cumprir cunha serie de requisitos: a cita previa e o rexistro da clientela

A rutina é a de sempre, preparar e expoñer a materia prima, recibir os provedores, organizar a cociña e adiantar tarefas. Todo isto xa o facían acotío para as comidas. Pero agora hai un aliciente máis: por primeira vez dende hai meses recuperan a quenda de ceas. 

O sector agarda que este alivio chegue para quedar. Segundo Juan Carlos Somoza Miguéns, propietario do restaurante A Noiesa, "xa foron moitas idas e voltas e iso a nivel económico e organizativo é moi complexo". 

A clientela deste establecemento desfrutará da cea nun espazo adaptado ás medidas hixiénico-sanitarias. A capacidade dos comedores é de 72 persoas, pero a ocupación queda reducida á metade. "Suporía ter unhas 36 persoas máis na quenda de noite", explica Sebastián Somoza Pallas, xerente do local.

Coas ceas deste venres estrearán unha nova medida: rexistrar cada comensal, que deberá deixar os seus datos. Esta listaxe gardarase, polo menos, durante un mes. 

Para instalar os medidores de C02, que pasan a ser obrigatorios, os restaurantes teñen de prazo ata o vindeiro 23 de abril.

Noticias web

16/04/2021