CRTVG

Buscar

Os restaurantes ofrecen o tradicional cocido de Entroido para levar

Publicado o 10/02/2021 20:17

Os restaurantes seguirán baleiros este Entroido, pero moitas cociñas seguen traballando e adaptarán os tradicionais cocidos á situación actual. Os grelos, o lacón ou os garavanzos pasarán da pota a este tipo de envases, e é que desta volta o cocido resérvase para recoller nos locais ou mesmo para entregas a domicilio.

"Este ano empezou a xente a chamarnos a semana pasada preguntando se tiñamos e entón tomamos a decisión desta fin de semana de Entroido facelo e tamén para o luns e o martes de Entroido. Pódeno vir recoller aquí o levámolo a domicilio como estamos facendo habitualmente", sinala María Jesús Vázquez, hostaleira da cidade de Lugo.

Son moitos os ingredientes que acompañan un bo cocido, por iso os restaurantes que o ofertan traballan tamén agora baixo reserva e tampouco faltarán as sobremesas típicas.

"Imos facer cocido, mellor por encarga, non podemos ter para dez persoas para despois vender dous por iso mellor con reserva. Pero, vaia, nestas datas tres ou catro a maiores sen encarga tamén teremos. E coas orellas e coas filloas. Nós non o levamos, veñen por el e moitos traen as potas xa", conta Pilar Rodríguez, hostaleira da cidade de Lugo.

A idea do cocido para levar é ben acollida na rúa e é que as cociñas dos pisos non dan para tanta pota.

"Entre vitrocerámica pequena, piso pequeno e olores ao final eu tamén son partidario de recollelo. Nestos tempos comelo pouca xente e que cho traian feito". "Os que están acostumados ás potas van seguir facéndoo e os que non somos moito de cociñar, coma min, cóllelo fóra, está boísimo e axudas a todos".

Desta volta toca desfrutar do manxar típico destas datas na casa e só cos conviventes.

Noticias web

10/02/2021