CRTVG

Buscar

Os restaurantes deberán ter medidores de CO2 a partir do 23 de abril

Publicado o 15/04/2021 11:22
Os restaurantes deberán ter medidores de CO2 a partir do 23 de abril

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, con data do 14 de abril, as modificacións do Plan de hostalería segura relativas aos restaurantes que queiran ampliar o seu horario ata as 23:00 horas.

Para serviren ceas, os establecementos con título municipal de restaurante deberán cumprir cunha serie de requisitos:

-A xestión da ocupación das mesas realizarase mediante reserva ou citación previa.

-Levarán un rexistro da clientela para facilitar o seguimento de contactos ante posibles gromos. Esta listaxe ten que incluír nome e apelidos, DNI e número de teléfono. A persoa responsable do local deberá custodiala durante, polo menos, un mes despois do evento.

-Garantirase a correcta ventilación do local a través de medidores de CO2, cunha pantalla visible que amose as concentracións de dióxido de carbono en tempo real. Estes dispositivos deberán levar a marcación CE.

A súa localización axustarase ás indicacións técnicas e non se situarán preto das fiestras, portas ou puntos de ventilación. No caso de sistemas mecánicos, débese asegurar en todo caso o nivel de CO2 interior e contará co mantemento axeitado.

No interior non se poderán superar as 800 ppm de concentración de dióxido de carbono e será responsabilidade do local non superar a cifra indicada.

Cómputo da capacidade interior

Na mesma orde, incorpórase unha modificación que afecta a totalidade dos locais de hostalería. A partir de agora, os negocios que dispoñan de varias salas ou comedores non incluirán os espazos inutilizados no cómputo global para determinar a capacidade interior.

Todas as medidas, excepto a dos medidores de CO2, terán efecto a partir das 00:00 horas do venres 16 de abril de 2021. A obriga de contar cos dispositivos para cuantificar as concentracións de dióxido de carbono entrará en vigor ás 00:00 horas do venres 23 de abril de 2021.