CRTVG

Buscar

Os restaurantes comezan a pedir unha fianza para evitar que os deixen plantados a última hora

Publicado o 30/08/2019 13:20

Reservar nun restaurante e non cancelar nin aparecer pode deixar de ser gratis. En Galicia xa hai hostaleiros que piden unha fianza para reservar mesa. Coller sitio en agosto nun estrela Michelin é misión case imposible. Teléfonos que soan sen parar, lista de espera e clientes que quedan fóra para deixarlles sitio a outros que, cada vez máis, nin se presentan nin cancelan a tempo.

"É unha perda moi grande para a empresa e para os clientes que todos os días chaman para buscar unha mesa e non teñen sitio", di o cociñeiro Yayo Daporta.

Así que no outono no seu restaurante comezarán a pedir o número de tarxeta como garantía, tal e como se fai coas reservas hoteleiras. Só lles cobrarán fianza aos que non cancelen con marxe.

"Se cancelan cunha marxe prudencial, dunhas 24 horas, a anulación non ten custo ningún. Imprevistos témolos todos", asegura o cociñeiro.

Alén xa usa o sistema no seu restaurante e asegura que paga a pena. Pasou de 25 a 2 cancelacións neste mes, malia as reticencias dalgúns clientes.

"Dúas mesas botáronse atrás, non nos querían dar o número de tarxeta. Pero de 25 mesas que non aparecen a dúas que non che facilitan a tarxeta, os números seguen saíndo", di o responsable do restaurante Pampín de Santiago.

Polo momento non tivo que cobrarlle os 9 euros que pide de fianza a ningún cliente. Asegura que a idea non é facturar, senón evitar ausencias de última hora nas mesas do restaurante.

Noticias web

30/08/2019