Os rescates no río Pedras non deixaron de sucederse ao longo de todo o verán
O río Pedras non deixa de ser escenario de numerosos accidentes. Ao longo deste verán foi necesaria a intervención dos servizos de emerxencia en varias ocasións.
A última delas tivo lugar a comezos de semana. Esta vez, a súa presenza foi solicitada dúas veces no mesmo día.
Un dos accidentes presentaba maior gravidade polo que tivo que ser o helicóptero o encargado do rescate.
Cada vez é maior a presenza de visitantes que se achegan a coñecer a zona, a maioría deles sen ser conscientes das complexidades que presenta chegar ás pozas, tanto para os que van desfrutar delas como para os efectivos que precisan acceder ata alí en casos de urxencia.
Dende os servizos de emerxencia alertan das dificultades de acceso e a frondosa vexetación que esconde este lugar natural por iso, recalcan a importancia de cumprir as recomendacións para evitar calquera tipo de accidente.
O punto polo que se accede a estas rutas adoita colapsarse, por esa razón o concello da Pobra decidiu prohibir o acceso a vehículos particulares co fin de facilitar a chegada dos sanitarios nese tipo de situacións.