Os Reis Magos xa están en Galicia para premiar o bo compartamento dos nenos durante a pandemia
• Melchor, Gaspar e Baltasar recibiron os pequenos en puntos estáticos na maioría das cidades galegas, agás na Coruña e Pontevedra, onde as cabalgatas percorreron máis rúas das habituais
Xa chegaron os Reis Magos a Galicia. As súas maxestades de Oriente pasaron esta tarde polas cidades e por moitas vilas. Estiveron recollendo as últimas peticións dos nenos antes de comezar unha noite de traballo intenso repartindo agasallos por todas as casas.
Os Reis Magos quixeron garantir a seguridade en todo momento, así que organizaron unhas cabalgatas algo diferentes das habituais, para evitar que se xuntara moita xente. Mesmo tiveron que ser vacinados tendo en conta a súa idade e, sobre todo, que son un servizo esencial. O rei Gaspar quixo agradecer aos nenos e nenas de Galicia a responsabilidade que tiveron para impedir os contaxios da Covid, tanto na casa como no cole. "Este comportamento tan bo -dixo Gaspar- será moi ben recompensado".
Na maioría das cidades, as súas maxestades quedaron instaladas nun mesmo punto para se fosen achegando a eles as familias, mantendo a distancia. As excepcións foron Pontevedra e A Coruña, que tiveron cabalgatas.
Recepción oficial das súas maxestades na igrexa compostelá de San Domingos de Bonaval. Estarán ata as dez da noite escoitando peticións e desexos. Imprescindible acudir con máscara e con invitación.
En Lugo, Melchor, Gaspar e Baltasar atenderon na praza de Augas Férreas. Alí, a oficina postal máxica estivo operativa toda a tarde para recibir cartas con demandas de última hora.
A cabalgata estática de Vigo retransmitíuse en streaming para evitar aglomeracións. Desta volta, as carrozas agardaban o paso da xente nun treito da avenida Castelao. A choiva de caramelos vai ter que quedar para o vindeiro ano.
En vez de facer unha cabalgata de tarde nunhas poucas rúas da cidade, as súas maxestades de Oriente madrugaron e empezaron xa o percorrido de mañá. Estas cabalgatas tiveron horario de 11 a 2 e de 5 a 9. Con tantas horas, os reis tiveron tempo de percorrer toda a cidade e tamén de visitar moitas zonas do rural.
Aumentando tanto o percorrido, evitaron que milleiros de pais e nenos se concentrasen nunhas poucas rúas. Moitos víronos pasar dende as súas propias casas, sen necesidade de pasar horas amoreados nas beirarrúas.
Na Coruña, os Reis fixeron o seu percorrido nun autobús, como fan habitualmente os turistas.
E en Pontevedra viaxaron tamén en coche. Os vehículos da Policía Local que os escoltaron fixeron soar as sirenas para que os nenos da parroquia soubesen que os reis estaban na súa zona.
As comitivas non pararon pero foron moi lentas para que todos os cativos puidesen velas.
E con esta boa organización estamos seguros de que todos os agasallos chegarán esta noite a tempo.