Os Reis Magos chegan a Galicia e a TVG váillelo contar en directo
Entre outras cousas son magos porque poden estar en varios sitios a un tempo. Xa hoxe pola mañá visitaron os nenos que están nos hospitais e esta tarde van estar en moitas vilas e cidades e, en cada unha, farán unha cabalgata diferente. En Santiago, por exemplo, os Reis van estar acompañados de estrelas luminosas, renos voadores ou soldadiños de chumbo.
Na Coruña os magos de Oriente acompañarán o seu paso de artistas, acróbatas e zancos.
En Ferrol, onde os reis xa visitaron onte o rural e hoxe desfilarán polo centro da cidade canda personaxes de Disney
En Lugo acróbatas, bailes de luces e danza de estrelas tamén acompañarán o paso das carrozas.
En ourense os reis desfilarán canda animais fantásticos de todo o mundo.
En Pontevedra o aplapador fará de cicerone e compañeiro das súas maxestades.
En Vigo os personaxes infantís tamén desfilarán canda os reis, nunha comitiva de 1250 participantes.
E nosoutros, a Televisión de Galicia, estaremos nos desfiles das sete cidades galegas retransmitindo en directo a visita dos reis magos, nun programa especial dende as cinco e media da tarde ata as nove da noite.
Juan Fuentes e Loli Gómez, presentadores do programa especial de Reis da TVG
Acompañando a data, hoxe non vai chover en toda Galicia, co cal os Reis poderán repartir sen problema as máis de 20 toneladas de caramelos que trouxeron, case todos sen glute. E nas máis das cidades, as persoas con mobilidade reducida dispoñerán de espazos especialmente reservados na noite máis ilusionante do ano.