CRTVG

Buscar

Os Reis eméritos e ex-presidentes do Goberno acudiron á capela ardente

Publicado o 11/05/2019 14:44

Os Reis eméritos dábanlle esta mañá o último adeus a Pérez Rubalcaba, un adeus con connotacións especiais para don Xoán Carlos. Sobre as once da mañá chegaban ao Congreso e, despois de saudar as distintas autoridades, fundíanse nun abrazo coa viúva, Pilar Goya.

Pérez Rubalcaba tivo un papel fundamental na abdicación do monarca emérito e foi o segundo político ao que lle comunicou as súas intencións na súa condición de líder da oposición, despois de anunciarllo ao daquela presidente do goberno, Mariano Rajoy.

Antes deles, a infanta Elena tamén lle expresaba as condolencias á familia do falecido.

Ademais da presenza dos Reis eméitos, o velorio converteuse nun desfile de políticos que son historia viva da transición española. Un dos primeiros en acudir esta mañá foi o ex-presidente do goberno, Felipe González, na compaña da súa muller Mar García Vaquero. Previamente pasaba pola capela ardente o ex-vicepresidente Alfonso Guerra. E foron moitos os ministros do seus gobernos os que tamén se achegaron ata a Cámara Baixa, entre eles José Luis Corcuera, Narcís Serra, José Barrionuevo ou o ex-titular de Interior, Baltasar Garzón.

O ex-presidente José Luis Rodríguez Zapetero chegaba máis tarde e rendíalle o seu particular tributo ao home que pilotou o ministerio de Interior baixo o seu mandato e que despois accedeu á vicepresidencia do goberno. E entre os ministros de Zapatero fixo acto de presenza o galego Xosé Blanco.

Tamén diversos políticos do PP estiveron presentes, entre eles os ex-presidentes do Congreso Federico Trillo e Jesús Posada, que consideraban a Rubalcaba como un adversario, pero ao mesmo tempo como un home de Estado.

 

 

 

Noticias web

11/05/2019