Os reis coñecen de primeira man o drama dos evacuados pola erupción da Palma
Á media mañá chegaban á illa os reis acompañados polo presidente do Goberno. A primeira parada foi un dos centros de acollida dos veciños que foron desaloxados.
No acuartelamento de El Fuerte, Filipe VI e dona Leticia falaron con moitas das persoas que alí están aloxadas. Quixeron escoitar de primeira man o drama que están a vivir estes días. A maioría perdeu todo o que tiña. Os reis mostráronse moi comprensivos e quixeron mostrar aos afectados o apoio de todo o pobo español.
Os reis chegaron con atraso. Un cambio no vento dificultou a aterraxe do avión que os levaba ata a illa da Palma. Xa alí, a primeira parada foi no acuartelamento de El Fuerte. Aí permanecen un cento de persoas que non puideron aloxarse noutro sitio.
Aos reis acompáñabaos Pedro Sánchez, que acababa de chegar tamén á illa tras participar na asemblea xeral da ONU. Filipe VI e dona Letizia compartiron varios minutos cos afectados, parándose con moitos deles, escoitando o drama que están a vivir.
No acuartelamento de El Fuerte tamén saudaron os corpos e forzas de seguridade do Estado. A eles agradecéronlles o traballo que están a facer estes días.
Os reis teñen previsto participar na reunión do comité científico do Plan de emerxencias das Canarias. Tamén se achegarán á zona máis afectada pola lava, para coñecer máis de preto os danos causados pola erupción do volcán.