CRTVG

Buscar

Os reguladores británicos aproban a vacina de Oxford

Publicado o 30/12/2020 18:54

Os reguladores do Reino Unido aprobaron a vacina contra a covid-19 desenvolvida pola Universidade de Oxford e a farmacéutica AstraZeneca, segundo informou este mércores o Ministerio de Sanidade británico.

A Axencia Reguladora de Produtos Sanitarios e Médicos (MHRA, polas súas siglas en inglés) deu o visto e prace a este preparado, o segundo que entra no programa de inmunización contra o  coronavirus iniciado o pasado día 8 no Reino Unido.

Ademais da vacina de Oxford, considerada segura e efectiva, o país está a vacinar coa de Pfizer/BioNTech.

O Reino Unido xa ten comprometidas cen millóns de doses do preparado de Oxford/AstraZeneca, que permitirá vacinar a 50 millóns de persoas, xa que se necesitan dúas doses.

Nun comunicado, o ministerio de Sanidade indicou que o Goberno aceptou a recomendación dos reguladores de utilizar esta vacina despois de "uns ensaios clínicos rigorosos" e "unha análise dos datos por parte de expertos da MHRA".

Os reguladores, engadiu o ministerio, concluíron que a vacina "cumpre con estritos niveis de seguridade, calidade e efectividade".

Un dos responsables da Axencia Europea do Medicamento indicou que á vacina de AstraZeneca aínda lle falta para ser aprobada na UE porque os responsables do laboratorio non pediron polo de agora nin autorización. A Comisión Europea céntrase na vacina de Pfizer. Nas últimas horas mercou 100 millóns máis de doses adicionais, que xa estaban recollidas no acordo coa farmacéutica. E na Unión comezan a xurdir voces que piden aproveitar máis as doses das vacinas. Os checos solicitan que de cada recipiente saian 6 viais e non 5 como ata agora.

Os datos publicados a principios de decembro na revista médica The Lancet indicaron que a vacina é efectiva nun 62 % cando se fornece dúas doses completas da vacina, pero que a efectividade ascende ao 90 % cando se fornece a metade da primeira dose seguida dunha completa na segunda.

O preparado de Oxford/AstraZeneca é máis fácil de almacenar xa que se pode manter nunha neveira normal, como a vacina contra a gripe, mentres que a de Pfizer/BioNTech necesita conservarse nunha temperatura de 70 graos centígrados baixo cero.

O Reino Unido empezou este mes co plan de inmunización cando Margaret Keenan, de 91 anos, converteuse na primeira persoa do país e o mundo en recibir o preparado de Pfizer/BioNTech.

O visto e prace dos reguladores chega un día despois de que o Reino Unido rexistrase onte o seu máximo número de contaxios pola covid-19 en 24 horas, con 53.135 novos casos, así como outras 414 mortes causadas pola enfermidade, segundo o Goberno.

A cifra de novas infeccións supera por case 12.000 a marca para un só día, que se alcanzou o luns, con 41.385 casos.