CRTVG

Buscar

Os recursos de atención xeriátrica medran menos que o número de maiores

Publicado o 03/09/2019 14:47

Expertos en psicoxeriatría lamentan que os recursos non aumenten ao mesmo ritmo que envellece a poboación en Galicia, segundo expuxeron no congreso internacional que se celebra en Santiago. A conselleira de Política Social dixo que a Xunta atende actualmente 61.000 maiores

Galicia foi líder en psicoxeriatría hai mais de 25 anos, segundo lembraron participantes no Congreso internacional que se celebra ao respecto en Santiago. Na actualidade, segundo os expertos, a situación asistencial non é óptima.

Raimundo Mateos, profesor e psiquiatra, explica que "aumentou a poboación maior e os recursos psicoxeriátricos non aumentaron na mesma proporción".

A conselleira de Política Social lembrou que Galicia ten dobre dificultade, o envellecemento da poboación e a dispersión do territorio. Segundo dixo, a Xunta aposta por atender os maiores no seu ámbito.

A conselleira destacou: "Xa son 61.000 as persoas maiores atendidas en Galicia e este é o camiño que queremos seguir, atender cada día máis persoas maiores e darlles a oportunidade de que sexan eles quen escollan que tipo de prestación queren e onde queren vivir".

Con ese obxectivo, a Administración puxo en marcha, entre outras medidas, trinta pequenas casas en núcleos de menos de 5.000 habitantes en que un profesional atende durante o día cinco maiores da zona. Nos próximos meses abriranse outras trinta.







 

Noticias web

03/09/2019