Os recuperados superan os falecidos en Portugal, que suma 762 mortes

Portugal rexistra este martes un total de 762 mortes por coronavirus e 21.379 contaxios, segundo o último balance presentado polas autoridades sanitarias, que destacaron que por primeira vez desde o inicio do brote hai máis recuperados que decesos, con 917 persoas que superaron a enfermidade.
Comparado con este luns, houbo 27 mortes máis e 516 infectados novos, o que corresponde a un incremento do 2,5%, apunta o boletín diario da Dirección Xeral de Saúde (DGS).
Ademais, cóntanse en 24 horas 307 persoas recuperadas, cun total de 917 que xa superaron o coronavirus, un dato destacado en conferencia de prensa polo secretario de Estado de Sanidade, António Lacerda Saes.
"Por primeira vez, o número de recuperados é maior que o número de decesos. A taxa de mortalidade global é do 3,6% e a taxa de mortalidade en persoas con máis de 70 anos é do 12,7%", expuxo o secretario de Estado. Lacerda Saes tamén destacou que só un 5,5% dos contaxiados está ingresado, e apenas un 1,1% está en coidados intensivos.
Portugal continúa coa estratexia de realizar test masivos, polo que desde o 1 de marzo xa practicaron "máis de 274.000 tests" en todo o país, a metade deles en laboratorios públicos, un 45% en privados e o 5% restante en "laboratorios doutras entidades ligadas á área de investigación". O pasado venres foi a xornada que máis test realizaron, cun total de 14.500 mostras procesadas.
O Reino Unido rexistra 823 novos mortos nun día
O número de mortes pola COVID-19 rexistradas en hospitais do Reino Unido aumentou este martes en 823 respecto a onte, ata un total de 17.337 falecidos, informou o Ministerio de Saúde.
As autoridades sanitarias levaron a cabo 18.206 tests en 24 horas e detectaron 4.301 novos casos confirmados da enfermidade, da que xa foron infectadas 129.044 persoas no país desde que comezou a pandemia.
A Oficina Nacional de Estatísticas británica (ONS) detallou hoxe que 1.043 persoas máis morreron por COVID-19 en residencias de Inglaterra e Gales nas catro semanas previas ao 10 de abril, mentres que 466 faleceron nos seus domicilios nese mesmo período.
Os mortos en Italia repuntan e xa son 24.648, mentres caen os casos positivos
Os falecidos en Italia con coronavirus son xa 24.648, tras rexistrarse 534 as últimas 24 horas, unha cifra superior aos últimos tres días.
Por segundo día redúcense os pacientes que son actualmente positivos en Italia e, se onte foron só 20 menos que o día anterior, hoxe son 528, ata os 107.709 casos, segundo os datos de Protección Civil.
Os casos totais de contaxios desde que se detectou o brote en Italia o 21 de febreiro son 183.957, o que supón un aumento de 2.729 desde o luns, algo superior ao día anterior, aínda que dentro da tendencia actual de redución da propagación. Deles, 51.600 xa se curaron (2.723 máis que o luns), e seguen descendendo os hospitalizados e os ingresados en coidados intensivos.
Francia rexistra hoxe 531 mortes e baixan os pacientes en UCI
As autoridades sanitarias de Francia informaron este martes de que xa son 20.796 os falecidos no país a causa do coronavirus, aínda que o número de pacientes en coidados intensivos segue diminuíndo. O director xeral de Sanidade, Jérome Salomon, explicou durante unha conferencia de prensa que do total de falecidos, 12.900 producíronse en hospitais, mentres que outras 7.896 rexistráronse en residencias de anciáns.
Isto implica que nas últimas 24 horas houbo 531 decesos, unha cifra menor que a rexistrada o día anterior, cando se sumaron 547 mortes nun só día. En total, Francia conta xa con 117.324 casos confirmados desde que comezou a pandemia.
Nova York suma 481 vítimas
O gobernador do estado de Nova York, Andrew Cuomo, informou este martes de que se rexistraron outros 481 mortos nas últimas 24 horas, o que supón un lixeiro repunte desde o último día e sitúa o número total de falecementos en 14.828. A cifra de hospitalizados segue diminuíndo por oitavo día consecutivo e o número de novos ingresos tamén se viu reducido a niveis mínimos no últimas tres semanas.
A pandemia de coronavirus deixou a nivel nacional 43.630 mortos e 810.561 casos confirmados, o que converte a Estados Unidos no país máis afectado a nivel mundial.