Os rapaces, protagonistas da marcha deste domingo en defensa do futuro da factoría de Alcoa
Os pais de Sofía e Sarai traballan en Alcoa, os de Paula e Laura non, pero aquí están todas a unha. A Mariña non se xoga só o traballo de 524 persoas, senón o futuro da comarca.
Elas son algunhas das estudantes que foron hoxe á manifestación, pero había centos de rapaces de toda a Mariña para esixirlle a Alcoa que pare o despedimento colectivo. Non queren emigrar, queren ter o seu futuro aquí.
Os estudantes citáronse no Castelo; os traballadores na fábrica. Xuntáronse a medio camiño e os representantes dos traballadores cedéronlles a remuda das reivindicacións.
Agarraron as pancartas e fixeron a pé o mesmo camiño que fan os seus pais, ou tíos, ou os seus veciños cada día de camiño a fábrica. Nas beiras da estrada os maiores aplaudían a valentía e a empatía dos que son o futuro e a esixencia dunha solución.
Mentres se prepara a impugnación do ERE no Superior de Xustiza, esta semana haberá novos actos esixindo a súa suspensión, mentres os traballadores aseguran que as cubas non se van parar de ningún xeito.