CRTVG

Buscar

Os puntos fixos de cribados con test de antíxenos buscan poñerlles cerco aos asintomáticos

Publicado o 30/07/2021 15:31

Se alguén precisa facer un test de antíxenos, dende mañá habilítanse puntos de cribado en 14 localidades galegas. Neles tamén se poden facer trámites relacionados cos certificados covid.

O Espazo Xove de Ourense é un dos puntos en que dende mañá calquera persoa pode acudir para solicitar o certificado covid. Ademais, realizaranse probas de antíxenos tres días á semana neste caso, e noutros puntos como o de Vigo, Santiago ou A Coruña, será todos os días.

O único requisito, inscribirse antes na páxina do Sergas. Unha media pensada sobre todo para xente nova que aínda non está vacinada e que pode acudir a estes puntos e en tan só 15 minutos obter un certificado negativo de covid para entrar na hostalería ou viaxar.

Autobuses coma este realizaron tests de antíxenos e expediron certificados nas distintas cidades galegas durante a fin de semana. O éxito da iniciativa, en que participaron unhas 3.500 persoas e se detectaron 68 positivos, levou ao Sergas a habilitar dende este sábado 14 puntos noutras tantas localidades. Un deles é este no Espazo Xove de Ourense, onde xa está todo listo para comezar a funcionar.

Na Coruña, Vigo e Santiago farán tests todos os días. No resto de cidades, martes, xoves e sábados. E noutras localidades turísticas ou cabeceiras de comarca desprazarase o autobús de cribado só os sábados. Unha iniciativa pensada, sobre todo, para os máis novos.

Isto, ademais, axuda a controlar a expansión do virus, xa que incrementa a capacidade de cribado para localizar asintomáticos.

Noticias web

30/07/2021