CRTVG

Buscar

Os profesionais da vacinación, Medalla de Galicia, agradecen a "xenerosidade" dos galegos

Publicado o 25/07/2021 21:14

• A enfermeira Yolanda Moares recibiuna en nome de todos eles

O Rei apela á esperanza e á unidade na ofrenda ao Apóstolo

Enfermeiras, celadores, médicos, voluntarios, policías ou encargados da loxística das vacinas. Milleiros de profesionais levan sete meses facendo que semelle doado un complexo dispositivo capaz de poñer arredor de 30.000 doses diarias. No nome de todos eles, recibiu a Medalla de Ouro de mans do Rei a enfermeira Yolanda Moares, que puxo a primeira vacina en Galicia. Recolleuna dando as grazas ao pobo galego pola súa xenerosidade e reivindicando o seu colectivo. "O galego é un pobo solidario e agradecido. A súa resposta está sendo exemplar", dixo.

Por primeira vez na historia das Medallas de Galicia, estiveron presentes na entrega o rei e o presidente do Goberno. Pedro Sánchez destacou a solidariedade dos galegos e que a nosa sexa a segunda comunidade con máis persoas inmunizadas. "O 67,7 % da poboación galega. Parabéns galegos e galegas. As persoas que están detrás son moitas e a cada unha delas lle debemos este gran paso, porque o éxito da vacinación en Galicia é tamén unha fabulosa noticia para o conxunto da poboación española", afirmou.

O presidente da Xunta cualificou o dispositivo de vacinación de modélico, de logro colectivo e de exemplo do que Galicia é capaz se traballa unida. "O catálogo de galegos ilustres agasallados con este galardón é a proba de que non hai eido en que non brille un fillo ou unha filla de Galicia. Se o ano pasado agradeciamos o traballo dos que coidaron de nós cando máis o necesitabamos, este ano facémolo cos que co seu traballo contribuíron decisivamente a que empecemos a ver a luz ao final do túnel que se alongou xa por moitos meses".

A Garufa Blue Devils Big Band púxolle música á cerimonia.

Noticias web

25/07/2021