CRTVG

Buscar

Os gandeiros, afogados polos custos de produción, piden un prezo máis xusto para a carne

Publicado o 17/09/2021 16:10

A mañá deste venres deixa unha imaxe ben curiosa en plena zona histórica de Santiago. Unha auténtica morea de xente que se xuntou para coller a carne que regalaban os donos das explotacións, apoiados polo sindicato Unións Agrarias. Repartiron 1.000 quilos de pezas de vacún, como protesta polos prezos que reciben. Esta iniciativa forma parte do calendario de mobilizacións que prepara o sector da carne. Os gandeiros reclaman un novo modelo que permita aos gandeiros percibir prezos máis xustos.

Coa repartición de 1.000 quilos de carne de vacún, os gandeiros protestan polo estancamento do prezo do seu produto. "Con estes prezos afogamos", é o lema da campaña de concienciación e protesta que comeza hoxe aquí en Santiago nesta praza do Toural coa entrega deses mil quilos. A situación cualifícana de dramática, logo dunha década sen variacións no prezo que os gandeiros reciben pola carne. E é que producir un quilo de carne custa 5,36 euros e os gandeiros reciben 4,20 euros.

"O acto de hoxe pretende dúas cous as, por unha banda dicirlle ao consumidor que producimos unha carne de extrema calidade e por outra que cando vaia ao supermercado saiba diferenciar a carne dunha explotación que xestiona o medioambiente, que é a principal barreira de loita contra o lume e o cambio climático, doutros modelos industriais e produtivos", aseguraba Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias.

Segundo este sindicato, en Galicia hai unhas 11 mil explotacións de vacún de carne, e delas preto do 90 por cento son familiares que nos últimos anos están a atravesar unha situación que eles mesmos cualifican de moi grave derivada dun incremento nos custos de produción. Queren poñer en valor a súa maneira tradicional de traballar, tamén falan de que a súa desaparición suporía unha grave perda medioambiental.

A explotación de Rosa nas Pontes representa a situación que nestes momentos atravesan milleiros coma ela en Galicia. "Dende xaneiro temos unha suba de gasóleo, de pensos, forraxes para criar os becerros, que non se aguanta", explica.

E a isto hai que engadir tamén perdas polo que lles custa producir un quilo de carne, porque din que o que cobran hoxe case é o mesmo que hai seis anos.

"A nós criar o terneiro é máis ou menos cinco euros por quilo de carne e non se nos paga iso. Agora si, pero dentro de dous meses volveremos baixar. Estase a pagar unha media de 4,50. Temos unha perda de 50  ou 60 céntimos en quilo de carne", conta Rosa.

Por iso o que demandan son cambios, e sobre todo, un novo modelo que lles permita percibir prezos máis xustos para que as súas explotacións poidan seguir adiante.

 

Noticias web

17/09/2021