CRTVG

Buscar

Os primeiros problemas de ludomanía xorden entre os 17 e os 19 anos

Publicado o 17/02/2021 14:19

Neste 17 de febreiro conmemórase o Día Mundial do Xogo Responsable, unha data en que se incide nas graves consecuencias que pode ter o xogo sen control.

O presidente da Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados (Agalure), Francisco Gil, pensa que hai problemas de adicción ocultos, que non han tardar moito en aflorar.

Agalure leva 26 anos en activo. Neste tempo, o perfil do paciente mudou sensiblemente. Antes era un home de entre 45 e 55 anos, casado e con vida estable. Dun tempo para aquí, advirten de que as novas tecnoloxías, o xogo en liña e as salas de apostas provocaron que baixara moito a idade de inicio no xogo.

Os mozos teñen o seu primeiro contacto co xogo na adolescencia, sobre os 14-15 anos, e os primeiros problemas xorden entre os 17 e 19 anos. O perfil do paciente que acode buscando axuda á asociación é o dun home de entre 35-45 anos, solteiro e que vive cos pais.

Preto de 200 persoas seguen terapia actualmente en Agalure para tratar a sua adicción ao xogo. Por sorte non tiveron recaídas por mor da pandemia, e tampouco detectaron un aumento de casos novos.

Atribúeno sobre todo aos Rexistros de Autoprohibición que hai a nivel estatal e autonómico e que son requisito imprescindible para iniciar unha terapia. Ao inscribirse prohíbenlles entrar aos bingos, casinos e salas de xogos e tampouco poden acceder ao xogo en liña.

Un dos problemas que adoitan arrastrar as persoas ludópatas é o endebedamento propio e mesmo de familiares para financiar a sua adicción. Adoitan pedir créditos rápidos que conseguen con facilidade en liña, pero con xuros desorbitados.

Para que iso non suceda, desde Agalure celebran a sinatura este mércores do Convenio do Ficheiro Eficaz, en que os xogadores voluntariamente se poden inscribir para que lles deneguen eses préstamos en caso de solicitalos.

Noticias web

17/02/2021