CRTVG

Buscar

Os prezos subiron un 0,8 por cento en 2019

Publicado o 15/01/2020 10:22
Os prezos subiron un 0,8 por cento en 2019

O índice de prezos de consumo (IPC) terminou decembro de 2019 no 0,8 % interanual pola alza dos carburantes, segundo o dato confirmado este mércores polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
O dato, adiantado polo INE en decembro, supón un repunte de catro décimas fronte á evolución de novembro e pechar o ano cunha taxa máis moderada que a de 2018 (1,2 %).

O INE detalla que no dato de decembro influíu o incremento dos carburantes, que caían a finais de 2018, e que elevou catro puntos, ao 4 %, a subida do grupo de transportes. Tamén subiron máis que no mesmo mes de 2018 os prezos do transporte aéreo.

Pola contra, tiraron á baixa da evolución dos prezos os custos da electricidade, incluídos no grupo de vivenda, que caeu un 5 %, un punto máis que ao peche de 2018.

Os alimentos, outro dos grupos de máis peso neste indicador, mantivéronse máis estables.

Pola súa banda, a inflación subxacente, que non inclúe nin produtos enerxéticos nin alimentos, mantívose no 1 %, dúas décimas por encima dese 0,8 % do IPC xeral.

O dato de decembro culmina así á alza un ano marcado por unha inflación moderada: os prezos empezaron 2019 cunha subida do 1 % en xaneiro e a evolución mantívose á alza ata abril (1,1 % en febreiro, 1,3 % en marzo e 1,5 % en abril).

A partir de aí comezaron a moderarse as subidas: un 0,8 % en maio, un 0,4 % en xuño, un 0,5 % en xullo e un 0,3 % en agosto para baixar ao 0,1 % en setembro e outubro, niveis máis baixos en tres anos.

A tendencia cambiou en novembro cunha subida que deixou a taxa no 0,4 % para terminar o ano nese 0,8 %, o terceiro repunte consecutivo na evolución anual dos prezos e a cifra máis alta desde maio, que deixa, con todo, a inflación catro décimas por baixo dese 1,2 % de 2018.

Na evolución mensual, o INE tamén confirma este mércores que os prezos caeron un 0,1 % respecto a novembro.

Neste descenso influíron tamén os menores prezos da electricidade e as primeiras promocións en téxtil da campaña de rebaixas de inverno, mentres que subiron carburantes e paquetes turísticos.

E en canto ao indicador adiantado do índice de prezos de consumo harmonizado (IPCA) -que mide a evolución dos prezos co mesmo método en todos os países da zona euro- pechou o ano no 0,8 % interanual, tres décimas máis que en novembro.

Por rexións, a taxa anual do IPC sobe en todas as comunidades autónomas en decembro respecto a novembro cos maiores incrementos, de seis décimas, prodúcense en Baleares e Castela–A Mancha.
Pola súa banda, Andalucía rexistra o menor aumento, de dúas décimas.