CRTVG

Buscar

Os prezos industriais dispáranse un 6,3 % en marzo, a súa maior alza en catro anos

Publicado o 26/04/2021 09:31
Os prezos industriais dispáranse un 6,3 % en marzo, a súa maior alza en catro anos

Os prezos industriais subiron un 2,5 % o pasado mes de marzo en relación ao mes anterior e disparáronse un 6,3 % en taxa interanual, a súa maior alza desde febreiro de 2017, segundo informou este luns o Instituto Nacional de Estatística.

A repunta interanual de marzo, con que se encadean tres meses consecutivos de aumentos interanuais, supera en máis de 5,5 puntos as rexistradas nos dous meses anteriores. O incremento interanual dos prezos industriais no terceiro mes do ano debeuse principalmente á enerxía, que elevou case 16 puntos a súa taxa interanual, ata o 12,2 %, por causa do encarecemento da produción, transporte e distribución de enerxía eléctrica e do refino de petróleo.

Os bens intermedios incrementaron tres puntos a súa taxa anual en marzo, ata o 7,6 %, a máis alta desde xullo de 2011, como resultado do maior custo da fabricación de produtos químicos e da produción de metais preciosos. Tamén contribuíron á alza interanual dos prezos da industria os bens de consumo non duradeiro, que elevaron sete décimas a súa taxa, ata o 1,7 %, por mor do encarecemento do procesado e conservación de carne e da fabricación de aceites e graxas vexetais e animais.