Os prezos caen en novembro un 0,8 % e encadean oito meses en negativo
• A suba da electricidade compénsase coa baixada nos paquetes turísticos e a alimentación
Os prezos caeron un 0,8 % en novembro en taxa interanual e subiron un 0,2 por cento respecto do mes anterior, segundo os últimos datos do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
As circunstancias da pandemia de coronavirus, sen dúbida, marcan esta evolución, en que medran os prezos da electricidade respecto de hai un ano, pero este incremento vese compensado pola baixada nos alimentos e nos paquetes turísticos.
Segundo detalla o INE, a baixada dos prezos no apartado de vivenda, onde se engloba a electricidade, foi en novembro da 2,2 % fronte ao descenso do 3,6 % rexistrado en taxa anual en outubro.
Unha variación que recolle a repunta dos prezos da electricidade e, en menor medida, do gasóleo para calefacción, fronte ás baixadas de novembro de 2019.
Así mesmo, moderouse ata o 1,3 % a subida de alimentos e bebidas non alcólicas polo descenso dos prezos das froitas.
Tamén influíu, aínda que en menor medida, a estabilidade dos prezos do peixe e marisco e a diminución dos prezos dos legumes e hortalizas, que se incrementaron o pasado ano.
En lecer e cultura, cun descenso do 0,9 %, pesaron os prezos dos paquetes turísticos, que caen máis este novembro que o ano pasado.
Trátase de dous grupos, alimentación e lecer, que foron reflectindo nos últimos meses os cambios nos patróns de consumo e lecer polo impacto da pandemia.
Oito meses en negativo
O dato de novembro supón encadear oito meses coa evolución anual do IPC en negativo tras o estoupido da COVID-19 en marzo, que fixo caer con forza os compoñentes enerxéticos, con especial relevancia neste indicador.
Así, en abril, o IPC rexistrou un -0,7 % en taxa anual, que baixou ao -0,9 % en maio. En xuño a caída moderouse ao 0,3 % para pasar ao 0,6 % en xullo, ao 0,5 % en agosto, ao 0,4 % de setembro e profundar ao 0,8 % en outubro.
En variación mensual, o IPC subiu un 0,2 % fronte a outubro. Neste caso, a alza dos prezos da roupa e do calzado, que chegou ao 4,8 %, e tamén a suba dos prezos da electricidade (que fixeron medrar o custo da vivenda ata o 1,1 %), son as que explican a diferenza en positivo.
Doutra banda, descenderon un 0,9 % os prezos en alimentos e bebidas non alcólicas, e un 0,5 % os do grupo de hoteis, cafés e restaurantes. Tamén baixaron medio punto en taxa mensual os prezos en lecer e cultura.
En canto á inflación subxacente -sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos- a taxa anual baixou unha décima en novembro, ata o 0,2 %, un punto por encima da do IPC xeral.
O índice harmonizado ( IPCA) -que proporciona unha medida común da inflación para realizar comparacións internacionais- situouse no -0,8 % en novembro, unha décima por encima do mes anterior. A variación mensual do IPCA foi do 0,1 %.